Traballadores do naval cortan o tráfico no centro de Vigo para reclamar a implicación dos Gobernos español e galego
Varios centos de traballadores e traballadoras do naval de Vigo realizaron unha nova acción de protesta para reivindicar a implicación dos Gobernos español e galego na solución da crise que padece o sector. Os afectados/as saíron de Barreras, na avenida de Beiramar, pasadas as 10.30 horas para percorrer a pé a distancia até a Praza América.
O percorrido realizouse cortando un carril de circulación, o que causou algúns problemas de tráfico no centro da cidade. Unha vez alí, deron varias voltas á praza ocupando todos os carrís, polo que o tráfico tivo que ser desviado pola Policía Local. Durante a mobilización escoitáronse berros como "Naval solución" ou ·"Rajoy, escoita, o naval segue en loita". Arredor das 11.30 horas regresaron andando até a zona dos estaleiros.
Dende a CIG lembraron que é necesario o compromiso dos Gobernos español e galego para buscar solución que permitan salvar unha industria "ferida de morte", ademais de esixir que se investigue a xestión dos estaleiros e reclamar unha alternativa ao sistema de bonificacións fiscais coñecido como tax lease. As mobilizacións continuarán todos os martes e xoves pola mañá, polo que fan un chamamento a todos os traballadores e traballadoras do sector a participar na loita en defensa dunha industria fundamental para a comarca e estratéxica no conxunto do país
No hay comentarios:
Publicar un comentario